Friday 19 de April de 2024

A Friday Mobility Night partirá da praza de María Pita cun percorrido de 14 quilómetros pola cidade para promover a mobilidade sostible


A iniciativa, impulsada pola asociación Galicia Rollers en colaboración coa Concellaría de Urbanismo, Vivenda, Infraestruturas e Mobilidade, terá lugar este venres, ás 21.30 horas

A Coruña celebrará este venres, 10 de xuño, unha nova edición da Friday Mobility Night, unha iniciativa contextualizada no programa de actividades que leva a cabo a asociación Galicia Rollers en colaboración coa Concellaría de Urbanismo, Vivenda, Infraestruturas e Mobilidade para promover o uso dos patíns como vía de mobilidade sostible.

A actividade, integrada no plan Coruña Cidade 30, propón un percorrido de 14 quilómetros pola cidade, principalmente polo carril-bici e os carrís 30, para fomentar o uso correcto dos VMP e concienciar á cidadanía sobre os beneficios de apostar polos vehículos non motorizados. O evento congregará, de forma conxunta, a persoas usuarias de bicicletas, VMP, patíns, patinetes, skates e todo tipo de vehículos orientados á mobilidade sostible.

A ruta, que comezará ás 21.30 horas na praza de María Pita e chegará á chaira do centro comercial Marineda City, percorrerá os barrios do Ensanche, Catro Camiños, Elviña e Matogrande. O mapa completo do trazado pode consultarse aquí.

Para garantir a seguridade das persoas participantes durante o percorrido, efectivos da Policía Local e Protección Civil traballarán en conxunto cun grupo de voluntarios, os stoppers, para guiar a marcha.

A renovación do servizo de BiciCoruña
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, presentou este martes a renovación e ampliación do servizo público de préstamo de bicicletas BiciCoruña. As novas bicicletas eléctricas e mecánicas estarán dispoñibles para a cidadanía nas próximas semanas, unha vez rematen as instalacións das 23 primeiras estacións de carga e préstamo.

Ata o de agora, o sistema de BiciCoruña contaba con 23 estacións distribuídas pola cidade con 356 postos e 180 bicicletas en rotación. Tras 12 anos de funcionamento e un crecemento continuo de persoas usuarias e uso do sistema, o Goberno municipal de Inés Rey decidiu proceder á súa mellora e ampliación dentro da estratexia Eidus Coruña, que ten como obxectivo transformar a área urbana da Coruña nun espazo de maior calidade urbana, equilibrado económica e socialmente, inclusivo e integrador. “As novas bicis eléctricas serán a base dunha mobilidade moderna e sostible para A Coruña”, apuntou Rey